AGPI - Asociación Galega de Profesionais da Ilustración

Sergio Casas

Buscador de Ilustradores

Listado de ilustradores

Que é a AGPI?

A Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI) é un colectivo formado por ilustradores interesados na defensa común dos dereitos profesionais.

A AGPI naceu na primavera do 2000, cunha primeira directiva formada por Xan López Domínguez, Marifé Quesada, Xosé Cobas, Xulia Barros, Calros Silvar, Suso Cubeiro, Noemí López e Fran Bueno. A partir do ano 2003 a asociación dá un salto cualitativo cunha nova xestión que utiliza as novas tecnoloxías para tender unha ponte entre os ilustradores dispersos ao longo da nosa xeografía que desembocará nun aumento do número de asociados e nunha afiliación a Federación de Asociaciones de Ilustradores Profesionales (FADIP) integrada actualmente polas asociacións de Cataluña, Galicia, Madrid, Pais Vasco e Valencia, e que a sua vez é parte do European Illustrators Forum (EIF) formado por asociacións de ilustradores de toda Europa.

Actualmente a AGPI aglutina a máis de 70 ilustradores, procedentes de todas as vertentes da creación visual aplicada, e está aberta a todos os profesionais que desenvolven a súa actividade neste ámbito.

Poden formar parte da AGPI todos aqueles autores e creadores de imaxes, que se dedican profesionalmente ao campo da ilustración en calquera das áreas: libro, libro de texto, cómic, publicidade, embalaxe (packaging), prensa, tarxetas (greeting), animación, edición multimedia, edición en liña (on line), infografía, cartelismo, estampación, caricatura, xogo didáctico, muralismo, guión ilustrado (storyboard), esbozo (layout), ilustración científica.

CAL É A NOSA FINALIDADE?

  • A representación, xestión, promoción e defensa dos intereses comúns dos seus membros.
  • O fomento e participación na mellora das condicións laborais e de contratación.
  • O recoñecemento e a defensa dos dereitos que nos corresponden como autores e garantir o seu cumprimento.
  • O mellor recoñecemento social da profesión, así como ao seu estudo e divulgación.
  • Facilitar o contacto, coñecemento mutuo e colaboración entre os asociados.
  • A difusión do traballo dos asociados.
  • Traballar para o crecemento e proxección da profesión, ben con traballos de formación dirixidos aos asociados, ben facendo accións, conexións e interpretacións con outras asociacións, organismos ou estamentos oficiais, tanto nacionais como internacionais.

QUÉ OFRECEMOS?

Atención profesional e xurídica
- Orientación profesional e laboral
- Servizo de asesoría xuridica, a través da FADIP

Formación e promoción
- Cursos formativos, conferencias.
- Difusión da obra dos asociados
- Exposicións itinerantes, mostras temáticas.
- Catálogo en liña.
- Blog galería (Taboleiro da AGPI) xestionado polos socios.

Publicacións
- Información periódica na páxina da AGPI das nosas actividades de interese profesional.
- AGPIRINA, Boletín informativo e reconstituinte da AGPI.

Relacións entre profesionais
- Lista de correo electrónico dos socios
- Xornadas anuais de ilustradores
- Actos e encontros por temas específicos

Representación e colaboración con outros colectivos profesionais
- Somos membros de FADIP, federación de asociacións de ilustradores profesionais de todo o Estado e como tales do European Illustrators Forum (EIF).
- Temos relación VEGAP, entidade de xestión dos dereitos de autor e coa Asociación Galega de Editores . -Somos membros da mesa Xunta-BD que aglutina a diferentes representantes da BD galega, como festivais, editoriais e organismos culturais.

Novos socios
Os socios de menos de dous anos de antigüidade pagarán unha cota reducida para adiantar e facilitar o contacto dos estudantes de ilustración e os profesionais recentes co mundo asociativo.

Participación
Os asociados elixen bianualmente á xunta directiva e dispoñen de ámbitos para intervir nas tarefas de xestión e aportar opinións e iniciativas como, por exemplo, a asamblea xeral e a lista de correo.

Descontos e Ofertas especiais en centros colaboradores
Os asociados teñen ofertas en certas  tendas de materiais, librerías e editoriais.

ALGUNHAS DAS ACTIVIDADES XA REALIZADAS POLA AGPI

Creación dunha páxina web, creación dunha lista de correo para os socios, exposición colectiva Can de Palleiro, exposición colectiva Plantando Libros, exposición colectiva en Frankfurt, xornadas anuais de ilustradores, participacións en salóns e feiras de libros, cómics, ilustración, fomento da lectura, etc.

FORMULARIO DE ALTA

Ficha de inscrición. [Formato RTF, lexible con calquera procesador de textos.]

Para asociarte non tes máis que descargar a ficha de inscrición e domiciliación bancaria da web, enchela cos teus datos, imprimila, asinala e enviala por correo postal á seguinte dirección:

AGPI
Apdo. 799

C.P. 15001
A Coruña

As cotas son de 18 euros/trimestre durante os dous primeiros anos. A partir do segundo ano as cotas serán de 27 euros/trimestre. Cobraranse entre os días 1 e 15 de Xaneiro, Abril, Xullo e Outubro. Lembra que o e-mail e imprescindible se queres disfrutar de todos os servizos da AGPI.




Web desenvolvida con axuda da Deputación da Coruña