AGPI - Asociación Galega de Profesionais da Ilustración

Orilla
Michel Casado

Buscador de Ilustradores

Listado de ilustradores

Noticias

Convocadas bolsas para visitas profesionais a Angoulême

02/03/2012

A Deputación de Ourense convocou hoxe dez bolsas destinadas a profesionais da animación e a banda deseñada para unha estadía formativa de curta duración (4 días) na cidade francesa de Angoulême. As estadías incluirán visitas á Cité Internationale de la Bande Dessinée et de l'Image (onde están, entre outros, os prestixiosos Maison des Auteurs e Musée de la Bande Dessinée), ao Pôle Image Magelis e toma de contacto con diversos colectivos de autores franceses.

A actividade está incluída no programa do Programa Imagina Atlántica, proxecto cofinanciado polo FEDER, que une catro países europeos: España, Portugal, Francia e Gran Bretaña.

As persoas interesadas en participar teñen de prazo para presentar as súas peticións ata o 16 de marzo. O número do Boletín Oficial da Provincia de Ourense onde se publica (n.º 51, 2/3/2012, páxina 2) pode descargarse completo aquí.

Charla e sinaturas de Guitián en Lugo

01/03/2012

O noso socio Alberto Guitián estará mañá, venres 2 de marzo, ás 12:00 h, na Escola de Arte e Superior de Deseño Ramón Falcón (paseo dos Estudantes s/n, 27002 Lugo) a dar unha charla sobre ilustración e fondos para producións de animación.

Xa pola la tarde, a partir das 19:00 h na libraría Totem (praza de S. Domingo 3, galerías, 27001 Lugo), presentará o sketchbook Sólo tinta, e a continuación asinará exemplares dos seus álbums para o público interesado.

‘Birdboy’ gaña o Goya á curta de animación

20/02/2012

Birdboy, a curtametraxe de Pedro Rivero e Alberto Vázquez baseada na novela gráfica Psiconautas deste último, gañou onte o Goya á mellor curtametraxe de animación.

A cerimonia de entrega dos premios Goya tivo máis presenza do mundo da banda deseñada, xa que Arrugas, o filme que adapta a obra de homónima de Paco Roca, conseguiu non só o premio á mellor filme de animación senón tamén o de mellor guión adaptado.

En marcha unha curtametraxe de ‘Planeta Mincha’

16/02/2012

Segundo informa o noso socio Manel Cráneo, está en marcha unha curtametraxe de animación ambientada no Planeta Mincha, o mesmo lugar en que transcorren os libros infantís da súa serie Diario de Pichük. O filme, realizado en animación 2D, está producido por Mondotropo en colaboración con Demo Editorial.

O condutor do filme será Pichük, protagonista da serie de libros infantís, e tamén da novela gráfica Destino Hergüss, que será publicada este mesmo ano. No blog de Manel pode verse unha figura modelada do personaxe —a cargo de Laura Cubeiro—, preparada para o estudo de volumes do proceso de animación.

O ‘Sketchbook’ de Guitián, xa nas librarías

24/01/2012

Un dos dous derradeiros proxectos do Colectivo Polaqia —que se despedía como tal coa fin do ano— é, xunto con 3×1, de Jano e Ricardo Mena, o número 6 da serie Sketchbook, que nesta ocasión é de bosquexos e ideas gráficas de Alberto Guitián e leva por título Sólo tinta. A publicación xa pode ser adquirida en librarías especializadas

Hoxe, ademais, coñeceuse que o filme Chico & Rita, en que Guitián participou facendo fondos e accesorios, está oficialmente nomeado ao Oscar ao mellor filme de animación.

Dáse a coñecer o programa do congreso «Ilustrando a diversidade»

20/01/2012

O congreso internacional «Ilustrando a diversidade» terá lugar no Auditorio da Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago de Compostela (avenida de Castelao, s/n, 15782 Santiago de Compostela) entre o 20 e o 23 de febreiro. O congreso enmárcase no proxecto CampUSCulturae e reunirá ilustradores de distintos países do mundo, expertos en arte e edición e profesionais da animación e da promoción da lectura.

Entre outros moitos, haberá relatorios de Carme Solé Vendrell, Mark Taeger, Elena Odriozola, David Pintor ou Miguel Ángel Giner Bou; a AGPI participará, representada polo seu presidente, Santy Gutiérrez, nunha mesa redonda acerca da ilustración en distintos soportes.

A matrícula, para asistentes e para autores de comunicacións, é aberta e gratuíta, e ten que realizarse antes do día 10 de febreiro. Poden presentarse comunicacións, vídeo-animacións e proxectos de ilustración, aínda que todos os traballos deberán tratar contidos que relacionen a ilustración, o libro ilustrado ou a animación coa diversidade cultural, o multilingüismo, a interculturalidade ou as barreiras que dificultan a convivencia e a aceptación da diferenza.

Paralelamente ao congreso, inaugurarase a exposición IlustraMundos no Palacio de Fonseca (rúa de Fonseca 3, 15782 Santiago de Compostela), onde poderá visitarse desde o 20 de febreiro ata o 20 de abril. Na exposición haberá obra dos galegos Antonio Seijas e David Pintor, así como da lituana afincada en Galicia Kristina Sabaite —todos eles, socios da AGPI— e tamén doutros autores provenientes doutros lugares, como a arxentina Mónica Weiss, a catalá Carme Solé Vendrell, o suízo Mark Taeger, a polaca Joanna Domanska, o holandés Machiel Braaksma, a vasca Elena Odriozola ou o sudafricano Piet Grobler.

Actualización: pode accederse ao programa provisorio do congreso nesta ligazón.

Dani Montero publica a súa primeira BD en Alemaña

14/06/2011

O noso socio Dani Montero será un dos convidados no Festival de Cómic de Múnic (Alemaña), co gallo da publicación da súa obra Sen mirar atrás traducida ao alemán por Edition 52 —a mesma editora para o mercado xermano de autores como Joe Matt, Baru, Seth ou Mattotti— co título de Kein Blick Zurük. Para o lanzamento internacional preparouse un novo booktrailer animado.

O álbum será presentado dentro da programación oficial do festival no Instituto Cervantes o día 18 de xuño ás 12:00 h. No mesmo lugar haberá tamén unha completa mostra dos seus orixinais. Ademais, entre os días 23 e 26, o autor asinará exemplares no festival en sesións de dúas horas cada tarde.

‘Birdboy’, mellor curtametraxe de animación en Cans

25/05/2011

A pasada edición do Festival de Cans tivo moita relación co cómic e a ilustración. A curta Birdboy, dirixida por Pedro Rivero e Alberto Vázquez sobre a novela gráfica Psiconautas, deste último, gañou o Premio do xurado á mellor curtametraxe de animación, galardón que vén engrosar a súa notable lista de premios e seleccións en festivais de todo o mundo.

Por outra parte, tamén competía a curta documental sobre David Rubín, Radiografía dun autor de tebeos, dirixida por Marcos Nine, e ademais o propio Rubín presentaba unha curtametraxe (de actores de carne e óso) titulada Can Car Oddisey.

Pirusca participa no último videoclip de Patricia Moon

21/03/2011

A ilustradora Pirusca presenta o seu último traballo, o deseño de personaxes e fondos para o videoclip The Man Who Lived in Death, da violinista galega Patricia Moon.

A través dunha estética escura, o vídeo conta a historia do enterro do Sr. Bala e dos curiosos personaxes que o rodean.

Trátase dunha produción galega dirixida por Duplo Studio.

Patricia Moon - The Man Who Lived in Death, de Duplo, en Vimeo.

Nocturna: Goya á mellor película de animación

06/02/2008

A alta calidade da ilustración galega está tendo cada vez máis recoñecementos. O último foi o Premio Goya ó mellor longametraxe de animación para Nocturna, da productora Filmax.
Varios dos socios de AGPI estiveron involucrados na producción, e como mostra podemos ver o cartel pintado por Sergio Casas.

No blog de Sergio podemos ver a maiores máis mostras do seu traballo para outras produccións coma Donkey Xote, por exemplo