AGPI - Asociación Galega de Profesionais da Ilustración

Brontes
Lizartonne

Buscador de Ilustradores

Listado de ilustradores

Noticias

Alfredo, Premio Nacional de Ilustración

11/10/2017

O Ministerio de Cultura deu a coñecer hoxe que o ilustrador Alfredo é o galardoado co Premio Nacional de Ilustración correspondente a 2017, «pola súa dilatada traxectoria, que o levou a traballar en distintos puntos de España e do mundo, polo seu cultivo de distintos aspectos da ilustración e polo seu maxisterio e influencia en sucesivas xeracións». O Ministerio concede anualmente este premio, que ten unha dotación económica de 20.000 euros, co obxecto de «recoñecer e distinguir o conxunto do labor realizado por un ilustrador español no ámbito do libro e das letras españolas».

Alfredo (Alfredo González Sánchez, Agüería, Asturias, 1933) estudou Filosofía e Teoloxía e en 1958 trasladouse a Madrid para se dedicar á ilustración. Traballou no mundo da publicidade e en 1971 foi contratado como director por unha axencia venezolana; tras percorrer varios países latinomericanos regresou a España, e comezou a colaborar como ilustrador en revistas e periódicos como La Codorniz, El Jueves, El Papus, Muy Sr. Mío, Summa, Cambio 16, La Calle, El País ou El Mundo. Ademais, ilustrou numerosos libros, como Teoría de Madrid, con textos de Francisco Umbral, De Moscú a Nueva York, co escritor Ignacio Carrión, Seis barbas de besugo, sobre textos de Ramón Gómez de la Serna, ou Poeta en Nueva York, de Federico García Lorca. En 2017 publicou a súa autobiografía, La ventana de atrás. Desmemorias de un dibujante e expuxo gran parte dos seus debuxos orixinais no Museo ABC del dibujo y la ilustración de Madrid.

O xurado estivo presidido polo subdirector xeral do Libro, a Lectura e as Letras Españolas, Javier Pascual Echalecu, e conformado por Elena Odriozola, autora galardoada na edición 2015; Manuel Garrido, pola APIV; Teresa Novoa, pola APIM; Patricia Castelao, pola AGPI; Mentxu Fernández, por Euskal Iridigileak; Juan Berrio, pola FADIP; Lluís Farré, pola OEPLI; Manuel Alcorlo, pola Real Academia de Bellas Artes de San Fernando; Victoria Soto, polo Centro de Estudios de Género da UNED; e Samuel Alonso, designado polo ministro de Educación, Cultura e Deporte.

Pablo Auladell, Premio Nacional do Cómic 2016

27/10/2016

 Pablo Auladell foi galardoado hoxe co Premio Nacional do Cómic 2016 pola súa obra El paraíso perdido. O xurado escolleu esta obra, inspirada no poema homónimo de John Milton, por «o gran valor artístico e a forza visual inspirada pola intemporal visión de Milton, o seu tratamento da cor, o uso orixinal da iconografía e a narrativa, que consegue ao mesmo tempo ser arquetípica e plenamente actual». O premio, concedido polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, está dotado con 20.000 euros e ten como obxecto «distinguir a mellor obra desta especialidade publicada en calquera das linguas do Estado durante o ano 2015».

Pablo Auladell (Alacante, 1972) é docente do Master Ars in Fabula e da AIF Summer School en Macerata (Italia). Ten ilustrado máis de trinta álbums, novelas e cómics, e a súa obra ten sido exposta en galerías e feiras de Madrid, Barcelona, Roma, Boloña e Xenebra. Co seu primeiro álbum de BD, El camino del titiritero, foi finalista na categoría de Autor revelación no Salón de Barcelona de 2002. En 2006 obtivo ese mesmo premio por La Torre Blanca (2005). Tamén foi recoñecido co premio do Ministerio de Cultura ás Mellores Ilustracións de Libros Infantís e Xuvenís en 2005 por Peiter, Peter y Peer y otros cuentos, de Hans Christian Andersen.

O xurado, presidido polo director xeral de Política e Industrias Culturais e do Libro, José Pascual Marco, e coa subdirectora xeral de Promoción do Libro, Mónica Fernández, como vicepresidenta, estivo composto por Juan Díaz Canales, un dos autores galardoados en 2014; Ulises Ponce, designado pola AACE; Mamen Moreu, pola Federación de Asociaciones de Ilustradores Profesionales (FADIP) —á que pertence á AGPI—; Eva Cosculluela, pola CEGAL; Anna Abella, pola Asociación de Críticos y Divulgadores de Cómic; Juan Bordes, pola Real Academia de Bellas Artes de San Fernando; Elisa MacCausland, pola FAPE; María Soledad Sánchez, polo Instituto de Investigaciones Feministas de la Universidad Complutense de Madrid; e Gerardo Vilches, polo ministro de Educación, Cultura e Deporte.

Resultados da enquisa de ilustración

11/03/2016

A APIM (Asociación Profesional de Ilustradores de Madrid) acaba de publicar o resultado da enquisa «Ud. está aquí», un estudo sobre a situación dos profesionais da ilustración en España. Esta enquisa difundiuse polas redes sociais e contou coa colaboración das asociacións de ilustradores españolas, nas que se inclúe AGPI.

Foron 450 persoas as que participaron na enquisa, polo que desde APIM piden prudencia para interpretar os datos resultantes, xa que non se refiren ao total dos ilustradores españois, senón aos que realizaron a enquisa.

Neste enlace podedes ver os resultados.

AGPI participa nos ‘Encuentros’ de APIM

25/02/2016

A Asociación Profesional de Ilustradores de Madrid (APIM) organiza para este venres e este sábado, dí­as 26 e 27 de febreiro, unha nova edición (a número trece) dos seus Encuentros con Ilustradores Profesionales, que nesta ocasión contan con presenza doutras asociacións de ilustradores, como a AGPI.

Os Encuentros terán lugar no Museo Abc (Amaniel, 29, 28015 Madrid), e comezarán mañá ás 17:30 cunha mesa redonda titulada «Mirando desde el otro lado», na que falarán tres profesionais do mundo da dirección artí­stica publicitaria e editorial: Juan Pacheco, de Essencial Prod; Fernando Agresta, de Edelvives, e Pep Huertas, de McCann Barcelona.

O sábado a xornada iniciarase ás 11:00 cunha sesión de revisión de portafolios (para a que xa está pechado o prazo de inscrición), cos ilustradores Riki Blanco, Juan Díaz-Faes, Alé Mercado, Mar Blanco e Enrique Lorenzo. Despois, ás 12:30, proxectarase en exclusiva o filme Vivir para dibujar, dibujar para vivir, documental sobre a realidade do cómic en España, en que APIM participou como produtor asociado na súa campaña de crowdfunding. Xa pola tarde, ás 16:00 presentaranse os resultados da Encuesta Nacional de Ilustración «Usted está aquí», coordinada pola APIM nas últimas semanas. Ás 16:30 será o momento da mesa redonda «Viajar acompañado: la función de las asociaciones de ilustradores en la actualidad», na que participarán Alé Mercado (responsable de relacións internacionais de Illustrators Ireland), Miguel Gallardo (presidente de APIC), Raquel Cuenca (presidenta de APIM) e Sergio Covelo (presidente da AGPI).

Santiago García e Javier Olivares,
Premio Nacional do Cómic 2015

23/10/2015

Onte dábase a coñecer que o guionista Santiago García e o debuxante Javier Olivares foron galardoados co Premio Nacional do Cómic correspondente a 2015 pola súa obra Las meninas. O xurado escolleuna por «ser unha obra que asume un risco na estrutura narrativa e no enfoque gráfico, que se resolve con brillantez, e por constituír un bo achegamento á figura de Velázquez, a súa época e a súa influencia noutros artistas». O premio, concedido polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, está dotado con 20.000 euros e ten como obxecto distinguir a mellor obra publicada en calquera das linguas do Estado durante o ano anterior.

Santiago García (Madrid, 1968) é licenciado en xornalismo, tradutor e guionista de cómic. Ten escrito textos especializados sobre banda deseñada e dirixiu as revistas U e Volumen. Entre os seus álbums de cómic destacan a serie El vecino, realizada con Pepo Pérez; o álbum La tempestad, debuxado por Javier Peinado; a adaptación de Beowulf, con David Rubín, e a novela gráfica García, con Luis Bustos.

Pola súa parte, Javier Olivares (Madrid, 1964) é ilustrador e historietista; iniciouse na revista Madriz nos anos oitenta, e desde entón ten combinado o seu traballo en numerosas publicacións (como El País Semanal ou El Mundo) coa ilustración de libros de todo tipo. Entre os seus cómics máis destacados están La caja negra, Cuentos de la estrella legumbre e El extraño caso del doctor Jekyll y mister Hyde, con guión tamén de Santiago García.

Las meninas ten obtido ademais, entre outros, o premio á Mellor obra no Salón do Cómic de Barcelona.

O xurado estivo presidido polo director xeral de Política e Industrias Culturais e do Libro, José Pascual Marco, e actuou como vicepresidenta a subdirectora xeral de Promoción do Libro, Mónica Fernández. Compúñano os autores galardoados na edición de 2014, Juan Díaz Canales e Juanjo Guarnido; Álvaro Muñoz, designado pola Asociación de Autores de Cómic de España (AACE); Jorge González, pola Federación de Asociaciones de Ilustradores Profesionales (FADIP), á que pertence a AGPI; Daniel Aubareda, pola Confederación Española de Gremios y Asociaciones de Libreros; Justo Barranco, por Ficomic; Leticia Azcue, pola Real Academia de Bellas Artes de San Fernando; Berta Tapia, pola Federación de Asociaciones de Periodistas de España; Magdalena Suárez, polo Instituto de Investigaciones Feministas de la Universidad Complutense de Madrid; e Antoni Guiral, polo ministro de Educación, Cultura e Deporte.

Elena Odriozola, Premio Nacional
de Ilustración 2015

02/07/2015

Elena Odriozola resultou galardoada onte co Premio Nacional de Ilustración correspondente a 2015, «pola súa capacidade de renovación, seguindo unha liña propia e coherente, e polo potencial narrativo da súa obra». O premio, concedido polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, busca recoñecer e distinguir o conxunto do labor realizado por un ilustrador español no ámbito do libro e das letras españolas.

Elena Odriozola (Donostia-San Sebastián, 1967) estudou arte e decoración. Ten ilustrado máis de 100 libros, e ten obtido numerosos premios e recoñecementos; por exemplo, foi seleccionada en 2005 para a exposición Ilustrísimos — Panorama de la ilustración infantil y juvenil en España (Feira do Libro de Boloña); foi incluída na lista de honra do Ibby en 2006; recibiu o segundo Premio ás Mellores Ilustracións Infantís e Xuvenís do Ministerio de Cultura en 2006; foi seleccionada na Bienal de Bratislava nos anos 2003, 2013 e 2015; obtivo o Premio Euskadi de Ilustración en 2009 e en 2013; foi recoñecida co CJ Picture Book Award 2010 na categoría «New Publications» e obtivo o Premio Junceda Internacional en 2014.

O xurado estivo presidido por Teresa Lizaranzu, directora xeral de Política e Industrias Culturais e do Libro, e formárono Mónica Fernández, subdirectora xeral de Promoción do Libro; Óscar Julve, designado pola APIC; Paula Pérez i de Lanuza, pola APIV; Tomás Hijo, pola APIM; Víctor Rivas, pola AGPI; Iker Ayestaran, por Euskal Irudigileak; Iban Barrenetxea, pola FADIP; Sara Moreno, pola OEPLI; Isabel Mateo, pola Real Academia de Bellas Artes de San Fernando; Amparo Serrano, polo Centro de Estudios de Género da UNED; Pep Carrió, polo ministro de Educación, Cultura e Deporte; e mais os dous últimos autores galardoados, José Ramón Sánchez e Carme Solé Vendrell.

Ilustración galega na Feira de Boloña

30/03/2015

Desde hoxe ata o xoves, 2 de abril, ten lugar na cidade italiana de Boloña a Fiera del Libro per Ragazzi, de singular importancia para o mundo da ilustración, especialmente a ligada á literatura infantil e xuvenil.

Novamente, o posto oficial promovido pola Xunta de Galicia dedica un espazo á ilustración, en colaboración coa AGPI. Nesa parte do stand está a proxectarase continuamente un bucle de imaxes de ilustradores da AGPI e hai acceso a exemplares do Caderno AGPI 2015 e mais do catálogo exprés preparado ex profeso para esta edición da feira. Varias das ilustracións dese catálogo, ampliadas, forman parte do deseño do stand, e ademais expóñense exemplares de libros ilustrados por socios nosos. Así, haberá obras de Almudena Aparicio, Rodrigo Chao, Manel Cráneo, Nuria Díaz, Matalobos, Paula Mayor, Kristina Sabaite, Marina Seoane e Manuel Uhía.

A feira terá tamén representación da FADIP e o EIF —co seu propio programa de actividades para estes días— a través do posto da Associazione Autori di Immagini (a asociación italiana de ilustradores).

Premio Nacional do Cómic para
Juan Díaz Canales e Juanjo Guarnido

12/11/2014

Onte dábase a coñecer o Premio Nacional do Cómic correspondente a 2014. O galardón, que outorga cada ano o Ministerio de Cultura e que distingue a mellor obra de banda deseñada publicada en calquera das linguas do Estado durante o ano 2013, recaeu nesta edición nos autores Juan Díaz Canales e Juanjo Guarnido, pola súa obra Amarillo, pertencente á serie «Blacksad». O xurado elixiu esta obra «por ser unha BD de calidade sen fronteiras, cargada de referencias culturais e cunha óptima execución», e considerou que a escolla constitúe «un recoñecemento ao cómic para o gran público».

Juan Díaz Canales (Madrid, 1972) estudou Belas Artes na Universidade Complutense de Madrid. En 1996 fundou, xunto con otros tres artistas, a compañía Tridente Animation. Ten traballado con compañías europeas e estadounidenses, escribindo argumentos e guións para cómics e filmes de animación, así como layouts e storyboards para series e longametraxes de animación.

Juanjo Guarnido
(Salobreña, Granada, 1967) comezou a traballar nun estudio madrileño de animación nos anos 90 e realizou layouts e storyboards para diversos proxectos. En 1993 trasladouse a vivir a Francia, onde pasou a traballar como animador en filmes como Hércules, Tarzán e Atlantis. Posteriormente tamén traballou na coprodución hispano-francesa Nocturna.

Canales e Guarnido realizan xuntos desde o ano 2000 a serie «Blacksad», da que levan publicados cinco títulos, e que xa ten sido premiada en numerosas ocasións (Salón do Cómic de Barcelona en 2001 e 2006, Harvey Award en 2005, Festival de Angoulême en 2005, Expocómic de Madrid en 2010, dous premios Eisner en 2013).

O xurado desta edición estivo composto por Alfonso Zapico, autor galardoado en 2012; Miguelanxo Prado, galardoado en 2013; Olga Carmona, designada pola Asociación de Autores de Cómic de España (AACE); Carla Berrocal, pola Federación de Asociaciones de Ilustradores Profesionales (FADIP) —á que pertence a AGPI; Jaime Martín, pola CEGAL; Pablo Herreros, pola FAPE; Asunción Bernárdez, polo Instituto de Investigaciones Feministas da Universidade Complutense de Madrid; e Manuel Barrero, polo ministro de Educación, Cultura e Deporte.

José Ramón Sánchez,
Premio Nacional de Ilustración

01/10/2014

O Ministerio de Educación, Cultura e Deporte comunicaba onte la concesión do Premio Nacional de Ilustración correspondente a 2014 a José Ramón Sánchez, «pola súa traxectoria, a súa influencia en varias xeracións de ilustradores e o seu esforzo polo recoñecemento da profesión».

José Ramón Sánchez (Santander, 1936) comezou a súa actividade como cartelista publicitario en 1961, e contra 1970 empezou a ilustrar libros infantís e didácticos. Así, ilustrou 1978: Una Constitución para el pueblo, destinada a público escolar, El aprendiz de brujo (Premio Lazarillo en 1978), Retablo infantil (sobre a obra de Manuel Llano), El Quijote, Monstruos, duendes y seres fantásticos de la mitología cántabra, La vuelta al cine en sesión continua e La Biblia contada a todas las gentes. De gran popularidade nos anos oitenta polas súas aparicións televisivas, foi ademais director de varias curtametraxes de animación, así como da longametraxe animada El desván de la fantasía (1978). No ano 2000 creou Ediciones Valnera, onde ten publicado as súas últimas obras, entre as que están as dúas partes de Cantabria: la epopeya, dedicadas ás Guerras Cántabras. O seu último libro ata o momento é Cuando el abuelo fue niño (2013).

O xurado foi presidido por Teresa Lizaranzu, directora xeral de Política e Industrias Culturales y del Libro, e estivo composto por Mónica Fernández, subdirectora xeral de Promoción del Libro; Carme Solé Vendrell, autora galardoada en 2013; Christian Inaraja, designado pola APIC; José Luis Ágreda, pola APIV; Manuel Berrocal, pola APIM; Marina Seoane, pola AGPI; Mikel Valverde, por Euskal Irudigileak; Enrique Flores, por FADIP; Aitziber Alonso, pola OEPLI; Jordi Teixidor, pola Real Academia de Bellas Artes de San Fernando; Matilde de Fuentes, polo Centro de Estudios de Género da UNED; e Paco Roca, polo ministro de Educación, Cultura e Deporte.

Ilustración galega na Feira de Boloña

21/03/2014

O luns, día 24, comeza a nova edición da Fiera del Libro per Ragazzi, unha cita ineludible para a literatura infantil e xuvenil, e con ela, para moi boa parte do mundo da ilustración.

Este ano, o posto oficial promovido pola Xunta de Galicia dedicará un espazo á ilustración, en colaboración coa AGPI. Nesa parte do stand proxectarase continuamente un bucle de imaxes de ilustradores da AGPI e exporanse exemplares de libros ilustrados por socios nosos. Así, haberá obras de Almundena Aparicio, Jaime Asensi, Marcos B, Rodrigo Chao, Xosé Cobas, Manel Cráneo, Anxo Fariña, Santy Gutiérrez, Matalobos, Paula Mayor, Augusto Metztli, Pablo Otero, Minia Regos, Marina Seoane, José Souto e Manuel Uhía, á parte de publicacións da asociación.

A feira, na que haberá tamén presenza da APIC a través do stand institucional do ICEC, e representación da FADIP e o EIF —co seu propio programa de actividades para estes días— a través do da Associazione Autori di Immagini, decorrerá na cidade italiana ata o xoves, 27 de marzo.