AGPI - Asociación Galega de Profesionais da Ilustración

O coche vermello
Marta Álvarez Miguéns

Buscador de Ilustradores

Listado de ilustradores

Noticias

MAZOKA: 2º MERCADO DE DEBUXO E ILUSTRACIÓN en Vitoria-Gasteiz

08/10/2016



O colectivo Ilustrapados en Araba volve a organizar Mazoka, que terá lugar novamente no antigo Depósito de Aguas de Vitoria-Gasteiz, do 16 ó 18 de Decembro.

Están buscando debuxantes para participar de forma gratuíta no mercado, coma o espazo limitado farán unha selección de 40 MAzokALAris. Os participantes poden ser profesionais ou non, locais ou de ámbito nacional e internacional, que traballen nos campos da ilustración, cómic, deseño, artesanía ou animación.
Durante os días previos á feira, o 14 e 15 de Decembro, inauguraranse dúas exposicións de Ilustración e se celebrarán as primeiras xornadas profesionais de Ilustración, coa presenza dun Premio Nacional de Ilustración. Durante a fin de semana e no desenvolvemento propio do festival gráfico Mazoka, se levarán a cabo distintas actividades paralelas relacionadas co mundo do debuxo e a ilustración, como obradoiros, o ilustramatón, intervencións e varias actuacións.

O prazo de inscripción remata o 16 de outubro. Podedes atopar máis información e formulario de inscripción en >> http://ilustrapados.org

Ilustratour 2015 colabora coa AGPI

30/06/2015

O Festival Internacional de Ilustración Ilustratour desenvolverá a súa oitava edición entre o 20 e o 26 de xullo, por primeira vez na Casa del Lector, no complexo cultural Matadero Madrid. Cada ano Ilustratour acolle máis de 600 ilustradores, arredor de 100 editores e axentes e millares de visitantes de todas as idades e procedencias. O cartel deste ano reunirá algúns dos mellores talentos da ilustración actual: máis de 25 artistas convidados durante 7 días de festival e 300 horas de actividades.

Nesta ocasión, o festival ofrece aos socios da AGPI e o resto das asociacións profesionais de ilustradores un 10 % de desconto nos prezos das inscricións nos talleres (Campus). Pode encontrarse toda a información sobre o festival nesta ligazón, e nesta toda a referente ás inscricións.

‘Drink & Draw’ de marzo na Coruña

27/03/2015

Mañá, sábado 28 de marzo, a partir das 19:30, o Colectivo Miñoco —do que forman parte varios dos nosos socios— organiza a décimo quinta edición do Drink & Draw, a reunión informal e lúdica para o debuxo, con xogos e probas para os participantes. Nesta ocasión será no café O Alfaiate (rúa de San Xoán 7, 15001 A Coruña); como é habitual, estará aberto a toda persoa interesada en participar.

Drink & Draw de febreiro na Coruña

24/02/2015

O Colectivo Miñoco —ao que pertencen varios dos nosos socios— organiza unha nova edición do Drink & Draw coruñés, a reunión periódica nun bar ou cafetería de xente cunha paixón común polo debuxo. A organzación proporá, como é habitual, algúns xogos para inspirar as persoas que asistan. Só é necesario levar papel e lapis ou outro material de debuxo.

Esta edición será en La Maleta (rúa Orzán, 170, 15003 A Coruña), este xoves 26, a partir das 19:30 h.

Taller de humor gráfico impartido por
Leandro e Guitián

27/08/2014

Este venres, 29 de agosto, terá lugar na Biblioteca Municipal de Monte Alto (praza dos Avós s/n, 15002 A Coruña) o Obradoiro de humor gráfico dirixido polos nosos socios Alberto Guitián e Leandro. Neste taller, pensado para mozos e mozas de máis de 16 anos, repasaranse os mecanismos do humor contemporáneo e as distintas técnicas creativas. Cos asistentes farase unha sesión de traballo, preparando chistes a partir da actualidade do día. Será a ás 11:30 h, e, aínda que é gratuíto, é preciso inscribirse presencialmente, por teléfono ou a través deste enlace.

AGPI anuncia o Autobán,
minifestival de autoedición e BD

08/07/2014



Autobán
é un minifestival de autoedición e banda deseñada de autor que se desenvolverá na Coruña o venres 8 e o sábado 9 de agosto, coincidindo co último fin de semana de Viñetas desde o Atlantico. As actividades máis destacadas do evento serán un Mercado de fanzines e un PechaKucha de autoedición nos que a inscrición será libre e gratuita. Tamén haberá ocasión para un novo Combate de Debuxantes.

O minifestival está organizado desde a AGPI, en colaboración con The Room e o bar Old School, lugares onde se desenvolverán todas as actividades do evento.

Toda a información ao respecto pode encontrarse na web de Autobán, así como nas súas páxinas en Facebook e en Twitter.

Terceira edición do ‘Drink & Draw Vigo’

06/06/2014

A AGPI organiza o terceiro Drink & Draw Vigo, que terá desta vez o tema «Kaiju Battle». Os eventos Drink & Draw son unha actividade lúdica relacionada con pequenos retos de debuxo cunha limitación de tempo, e están abertos á participación de calquera persoa interesada. Neste caso, cada participante deberá levar deseñado o seu propio kaiju, e durante a actividade debuxará unha viñeta co ataque ao contrincante asignado; as viñetas someteranse a votación.

A periodicidade do Drink & Draw Vigo é mensual, e cada edición realízase nun local distinto; nesta ocasión, é no café Detrás do Marco (rúa Londres s/n, 36202 Vigo), este serán, a partir das 21:00 h. Máis información, na páxina en Facebook do Drink & Draw Vigo.

Segundo ‘Drink & Draw Vigo’

08/05/2014


Cartel da segunda edición do Drink & Draw Vigo

A AGPI organiza de novo o Drink & Draw Vigo, nesta ocasión baixo o tema «O espazo exterior». Trátase, como na ocasión anterior, dunha actividade lúdica relacionada con pequenos retos de debuxo cunha limitación de tempo, e está aberta á participación de calquera persoa interesada.

Nesta ocasión, o lugar é El Choco Bar (rúa Afonso XIII 6, 36201 Vigo), mañá, venres 9 de maio, a partir das 21:00 h. Pode encontrarse máis información na páxina en Facebook do Drink & Draw Vigo e tamén neste vídeo.

Primeira edición do ‘Drink & Draw Vigo’

01/04/2014


Cartel do primeiro Drink & Draw Vigo

Despois de varias edicións de Drink & Draw na Coruña, da man do Colectivo Miñoco, é agora a AGPI a que organiza esta actividade lúdica na cidade de Vigo, coa intención de dotala dunha periodicidade mensual. Esta primeira ocasión será este venres, día 4, ás 20:30 no café El Golem (rúa Irmandiños 2, 36201 Vigo).

Como é habitual neste tipo de eventos, a organización ten preparados unha serie de xogos en que poderán participar todas as persoas interesadas: trátase de pequenos retos de debuxo cunha limitación de tempo. A participación é libre e gratuíta.

Drink & Draw Vigo ten a súa propia páxina en Facebook, onde poden seguirese todas as novidades.

O Premio Castelao de Banda Deseñada
volve ser anual

03/03/2014

A convocatoria aparecida no Boletín Oficial da Provincia da Coruña do pasado 20 de febreiro confirma, sen máis aclaracións por parte da Deputación da Coruña, que a convocatoria do Premio Castelao de Banda Deseñada volveu ser anual, despois de ter sido anunciada a súa condición de bienal, e non ter sido convocado en 2012 e si en 2013.

Os regulamentos desta nova convocatoria, que ten de prazo ata o próximo 4 de abril, poden lerse aquí.