AGPI - Asociación Galega de Profesionais da Ilustración

Cómic comercio justo
iiago

Buscador de Ilustradores

Listado de ilustradores

Noticias

Comunicado sobre o cartel do Entroido da Coruña

15/02/2017

No día de onte, o arcebispado de Santiago de Compostela sumouse nun comunicado ás críticas emitidas pola asociación Abogados Cristianos a respecto dun dos carteis que, con motivo do Entroido na cidade da Coruña de este ano, realizou o ilustrador Alberto Guitián. A serie de carteis, que consta de catro modelos diferentes que reflicten diversos disfraces típicos destas festas, inclúe un en que o disfrace é de tipo eclesiástico, e isto foi considerado polas institucións antes referidas como «burla das crenzas» de moitos cidadáns. Varios políticos do Partido Popular fixeron declaracións criticando o cartel no mesmo sentido.

Ante esta situación, a Asociación Galega de Profesionais da Ilustración quere manifestar o seu total apoio a Alberto Guitián, e defender o seu traballo. A súa serie de carteis —de calidade artística superior, por outro lado— en ningún caso busca burlarse das crenzas de ninguén, senón reflectir o espírito da festa do Entroido, que tivo sempre como un dos seus puntos claves a visión humorística e a chanza acerca das institucións e as xerarquías: reis, políticos, banqueiros e membros da comunidade eclesiástica son sempre parte dese imaxinario popular que sae a relucir nestes días. Tanto é así que na serie de carteis do ano pasado para o Concello da Coruña, asinada polo ilustrador David Pintor, entre as nove variantes de disfrace do personaxe que servía de “leitmotiv” estaban o de garda civil e o de cura, sen que isto chegase a estrañar a ninguén.

A Asociación Galega de Profesionais da Ilustración defende e defenderá sempre a liberdade de expresión, máxime cando, coma neste caso, non se pode achacar ao autor ningunha intención lesiva cara a ningunha crenza ou confesión.


Actualización (17/2/2017): A FADIP (Federación de Asociaciones de Ilustradores Profesionales) publicou tamén un manifesto sobre este asunto, que pode lerse na súa web.

0 comentarios nesta noticia: