AGPI - Asociación Galega de Profesionais da Ilustración

David Pintor
David Pintor

Buscador de Ilustradores

Listado de ilustradores

Noticias

Martín Romero presenta ‘Las fabulosas crónicas del Ratón Taciturno’

hai 2 días

A primeira novela gráfica do noso socio Martín Romero, resultado dunha bolsa outorgada por AlhóndigaBilbao e desenvolvida na Maison des Auteurs de Angoulême, leva xa unhas semanas nas tendas e será presentada agora publicamente en dúas librarías galegas.

Deste xeito, os primeiros actos de lanzamento de Las fabulosas crónicas del Ratón Taciturno terán lugar, por unha parte, o próximo venres 3 de febreiro, ás 18:00, na libraría Kómic (rúa San Pedro de Mezonzo 34, 15701 Santiago de Compostela), e por outra o sábado 4 de febreiro, ás 20:00, na libraría Alita Comics (rúa do Orzán 110 B, 15003 A Coruña). Cada presentación irá seguida dunha sesión de sinaturas para o público presente.

O ‘Sketchbook’ de Guitián, xa nas librarías

hai 3 días

Un dos dous derradeiros proxectos do Colectivo Polaqia —que se despedía como tal coa fin do ano— é, xunto con 3×1, de Jano e Ricardo Mena, o número 6 da serie Sketchbook, que nesta ocasión é de bosquexos e ideas gráficas de Alberto Guitián e leva por título Sólo tinta. A publicación xa pode ser adquirida en librarías especializadas

Hoxe, ademais, coñeceuse que o filme Chico & Rita, en que Guitián participou facendo fondos e accesorios, está oficialmente nomeado ao Oscar ao mellor filme de animación.

Pilar Marcó Padín, Premio Pura e Dora Vázquez de Ilustración

hai 4 días

A coruñesa residente en Barcelona Pilar Marcó Padín foi escollida como gañadora da novena edición do Premio Pura e Dora Vázquez de Ilustración, convocado pola Deputación de Ourense e dotado con 3000 euros e a publicación da obra. O orixinal sobre o que se debían presentar as ilustracións é obra de Celia Díaz Núñez, gañadora da primeira fase do certame, sobre textos literarios. O xurado considerou que as ilustracións «conforman un traballo harmónico, contemporáneo e cun grande atractivo plástico».

Presenza galega no programa oficial do Festival de Angoulême

hai 4 días

Segundo informa hoxe CulturaGalega.org, a exposición Tebeos – Les bandes dessinees espagnoles, preparada polo Ministerio de Cultura co gallo de ser España país convidado este ano no Festival International de la Bande Dessinée d’Angoulême (Francia) —o festival máis importante de Europa dedicado aos cómics—, contará coa presenza de varios galegos representados.

A mostra, coordinada polo crítico Álvaro Pons, repasa a historia, o presente e mais o futuro da BD española, e nela están, entre outros, Miguelanxo Prado, David Rubín, Jacobo Fernández Serrano e José Domingo. Este último, ademais, estará no festival asinando exemplares da súa obra Aventuras de un oficinista japonés, na súa edición francesa; Rubín, pola súa parte, asinará exemplares das súas obras publicadas alí por Rackham Éditions.

Dáse a coñecer o programa do congreso «Ilustrando a diversidade»

20/01/2012

O congreso internacional «Ilustrando a diversidade» terá lugar no Auditorio da Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago de Compostela (avenida de Castelao, s/n, 15782 Santiago de Compostela) entre o 20 e o 23 de febreiro. O congreso enmárcase no proxecto CampUSCulturae e reunirá ilustradores de distintos países do mundo, expertos en arte e edición e profesionais da animación e da promoción da lectura.

Entre outros moitos, haberá relatorios de Carme Solé Vendrell, Mark Taeger, Elena Odriozola, David Pintor ou Miguel Ángel Giner Bou; a AGPI participará, representada polo seu presidente, Santy Gutiérrez, nunha mesa redonda acerca da ilustración en distintos soportes.

A matrícula, para asistentes e para autores de comunicacións, é aberta e gratuíta, e ten que realizarse antes do día 10 de febreiro. Poden presentarse comunicacións, vídeo-animacións e proxectos de ilustración, aínda que todos os traballos deberán tratar contidos que relacionen a ilustración, o libro ilustrado ou a animación coa diversidade cultural, o multilingüismo, a interculturalidade ou as barreiras que dificultan a convivencia e a aceptación da diferenza.

Paralelamente ao congreso, inaugurarase a exposición IlustraMundos no Palacio de Fonseca (rúa de Fonseca 3, 15782 Santiago de Compostela), onde poderá visitarse desde o 20 de febreiro ata o 20 de abril. Na exposición haberá obra dos galegos Antonio Seijas e David Pintor, así como da lituana afincada en Galicia Kristina Sabaite —todos eles, socios da AGPI— e tamén doutros autores provenientes doutros lugares, como a arxentina Mónica Weiss, a catalá Carme Solé Vendrell, o suízo Mark Taeger, a polaca Joanna Domanska, o holandés Machiel Braaksma, a vasca Elena Odriozola ou o sudafricano Piet Grobler.

Exposición ‘40 Dots. 40 Artistas’

19/01/2012

Coincidindo coa publicación do número 40 da revista Dot, os seus editores reúnen 40 artistas galegos (ou relacionados directamente con Galicia) cuxas obras foron publicadas na revista. Segundo os organizadores, os autores selccionados «mostran nesta exposición unha realidade artística galega á marxe, ou non, do circuíto estándar de galerías».

Na lista de artistas está un bo número de ilustradores; entre outros, Diego Blanco, Federico Fernández, Pirusca, Bernal Prieto, David Rubín ou Óscar Villán.

A exposición poderá verse só catro días: 20, 21, 27 e 28 de xaneiro, en El Halcón Milenario (rúa Cervantes 18-1.º dereita, 36201 Vigo). Cada un dos días haberá unha actividade especial: a inauguración, ás 20:00 de mañá, venres 20; o sábado 21, a gravación dunha «Sesión Ligera» con The Cobras; o venres 27, actuación do grupo de experimentación visual e sonora Hedonistas; e o sábado 28, concerto acústico da banda Ignorantes.

Xosé Tomás, ilustrador do ano para ‘Fervenzas Literarias’

19/01/2012

Os premios que anualmente outorga a web Fervenzas Literarias, a partir de enquisas realizadas entre case 500 lectores, destacan como Mellor ilustrador de 2011 a Xosé Tomás. Os seguintes máis votados nesta edición foron, por esta orde, Jacobo Fernández Serrano, Andrés Meixide, David Pintor e Noemí López, todos eles socios da AGPI.

Outras categorías con gran presenza de ilustradores e ilustradoras (tanto nesa soa faceta como na de autores de texto e ilustracións) foron o de Mellor libro infantil, Mellor libro xuvenil, Mellor portada de literatura infantil e xuvenil e Mellor libro de LIX traducido.

Presentación de ‘El hijo de la ira’ en Madrid

12/01/2012

Mañá, venres 13 de xaneiro, ás 19:30, a novela gráfica El hijo de la ira —versión en castelán do libro de banda deseñada O fillo da furia— será presentada na Casa del Libro de Gran Vía (Gran Vía 29, 28013 Madrid).

Estarán presentes os seus autores, Manolo López Poy e Miguel Fernández, acompañados polo escritor David Panadero. Despois da presentación, debuxante e guionista asinarán exemplares para os asistentes.

‘El héroe’ mostra os seus orixinais na Fnac

11/01/2012

Mañá, xoves 12 de xaneiro, será inaugurada unha exposición de orixinais da novela gráfica El héroe – Libro uno, no fórum da Fnac da Coruña (Mercado Eusebio da Guarda, praza de Lugo s/n, 15004 A Coruña).

No acto de inauguración, ás 19:30, estará o seu autor, o noso socio David Rubín, que dedicará exemplares desa e das súas outras obras ás persoas que alí se acheguen.

A mostra estará na sede coruñesa da Fnac durante dous meses, e despois percorrerá itinerante outras tendas da mesma cadea por todo o Estado o resto do ano.

O Museo do Humor de Fene inaugura unha mostra de ilustración

10/01/2012

A Casa da Cultura de Fene, en que está situado o Museo do Humor, acollerá durante o mes de xaneiro a exposición O humor e os dereitos da infancia, que será inaugurada mañá mércores 11, ás 19:00.

Na mostra, organizada polo propio Museo, 40 ilustradores procedentes de países como Brasil, Perú, Uruguai, México, Acerbaixán ou Grecia amosan cunha óptica humorística o tema dos dereitos dos nenos e nenas, seguindo a Declaración dos dereitos da infancia de 1959.

Segundo informan, unha vez concluída esta primeira mostra, o Museo do Humor ofertaralle a exposición aos centros de ensino e asociacións de toda Galicia coa idea de lle dar un carácter itinerante.